Wednesday 08 de May de 2024

A Deputación da Coruña aproba a creación do centro de traballo colaborativo Transformando en Brión, especializado no sector agrogandeiro


 

Será pioneiro en Galicia e a súa actividade será a transformación de alimentos do sector primario de produtores locais da comarca de Santiago

O pleno da Deputación Provincial da Coruña aprobou por unanimidade o convenio co Concello de Brión para a posta en marcha do espazo de traballo colaborativo “Transformando en Brión”, que se emprazará no centro comercial Monte Balado e estará especializado no sector agrogandeiro. Unha iniciativa incluída na estratexia de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL) e á que se sumarán tamén os municipios de Boiro e Carballo, nos que Deputación da Coruña investirá máis de 305.000 euros..

“Os centros terán un marcado carácter supramunicipal, pois o seu ámbito de actuación é comarcal e a súa finalidade será axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona da provincia. O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso

Transformando en Brión

Coa creación desta Rede, a área de Promoción Económica e Emprego da Deputación pretende establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade. O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “co apoio da Deputación, o Concello de Brión porá en marcha un espazo supramunicipal que dará cobertura ás pequenas explotacións agrogandeiras da comarca e porá a súa disposición ferramentas para a produción, valorización, promoción e comercialización dos seus produtos. Unhas ferramentas que non son asumibles de xeito individual polas pequenas explotacións da nosa comarca”.

Transformando en Brión aposta por un ambicioso proxecto que contribuirá á mellora e modernización do sector primario. Este espazo será pioneiro en Galicia e a súa actividade principal será a transformación de alimentos do sector primario (hortalizas, conservas vexetais, zumes, cogomelos, cereais, marmeladas, embutidos, doces, produtos de panadería, etc.) de produtores locais dos municipios da comarca de Santiago. Este proxecto será un alento importante para as pequenas explotacións agrogandeiras da comarca compostelá, pois suporá un aforro de custos importante para os produtores locais xa que contribuirá notablemente á sostenibilidade e viabilidade futura das súas explotacións.

O espazo instalarase na área comercial Monte Balado e contará cunhas instalacións específicas de 200 metros cadrados para todo o proceso de transformación, ademais de contar co seu propio rexistro sanitario. O proxecto de Brión incluirá equipamento e adaptación do inmoble. Este espazo estará dividido en tres seccións:

– unha zona de obradoiro, con dúas liñas de traballo para que poidan estar traballando dúas persoas ao mesmo tempo
– unha zona de exposición e venda
– e unha zona de formación, para o desenvolvemento de actividades, cursos, etc. Ademais, contará cun almacén e unha zona de servizos

“Transformando Brión” facilitará a produción e comercialización asociativa de alimentos frescos e transformados, tanto animais como vexetais; ademais de por en valor a calidade e diversidade das producións locais, cada vez máis demandada por unha sociedade que consume máis san e de xeito máis responsable.